O Club de Chave


Como representante de Borroa en toda a comarca, non podía faltar unha referencia ó equipo de chave existente en Borroa. Vexamos primeiro qué é iso da chave.

O XOGO E AS MODALIDADES

A Chave é un xogo de puntería, e polo tanto distinguimos un branco e uns elementos cos que se pretende atinar nel. En Galicia existen varias modalidades. A máis coñecida (non só en Galicia, senón internacionalmente) é a chamada "Horseshoes" ou "Horseshoe pitching" nos Estados Unidos; consiste nun espeque chantado no chan no que hai que encaixar unhas ferraduras lanzadas dende unha distancia predeterminada. Unha variante desta modalidade son os "Quoits" do Reino Unido, no que as ferraduras son sustituídas por aros.
Outra modalidade de chave consiste nun pau cravado no chan que dispón dunhas aspas metálicas que xiran (xa horizontalmente xa verticalmente, segundo a modalidade) ó darlles co proxectil (pello) dende a distancia establecida.
Nunha terceira modalidade o pau fixo substitúese por unha chave apoiada sobre un cepo, que hai que derribar cos pellos. Esta versión é a existente en Borroa.


NORMAS

Se ben a comezos da década dos 80 só existía na zona da Coruña unha asociación de peñas de Chave, hoxe en día existen dúas: A Irmandade da Chave e a Federación. A normativa cambia algo dunha a outra, polo que nos centraremos na Irmandade por ser a asociación máis antiga e da que forma parte o Borroa.
O seu regulamento pódese consultar aquí. De todos xeitos vámoslles dar un pequeno repaso:
Como xa se dixo, a Chave é un xogo de puntería. O branco (a chave) é un obxecto metálico coa forma dunha folla de loureiro, abombado, duns 50cm de alto e uns 10 de ancho; esta chave está apoiada sobre un cepo que levanta uns 10cm do chan. Os pellos son obxectos metálicos, cilíndricos, duns 2cm de groso e 8cm de diámetro, aínda que as súas dimensións e peso poden variar dependendo das preferencias de cada tirador. Á hora de tirar, o tirador terase que situar a uns 14m da chave; en cada volta poderá tirar catro pellos; cando remate de tiralos un compañeiro seu encargarase de recollelos. A continuación un tirador do equipo contrario situarase na liña de lanzamento, e o que acaba de recolle-los pellos será o seguinte en tirar. Así iranse alternando os xogadores dos dous equipos ata que lle volva a tocar ó primeiro que tirou, e así ata dez voltas (é dicir, cada xogador tén dereito a 40 tiradas). Todo equipo estará integrado por sete tiradores, tres reservas e un xuíz anotador (polo tanto, o máximo de tantos por equipo é 280; e en cada partido haberá dous xuíces). Para que os pellos non se perdan, por detrás da chave adoita haber unha rede ou un taboleiro pechando a final do campo: é o caixón.
Os equipos da Irmandade están organizados nas seguintes categorías: División de Honra, 1ª división e 2ª división. Ata a tempoda 2001-2002 houbo unha 3ª división, pero a falta de equipos provocou a eliminación dunha categoría.


O CLUB DE CHAVE BORROA

A principios dos 80 empezaron a formarse varios equipos de afeccionados á chave na zona da Coruña. Así, en 1984 foise xuntando xente e foi como naceu o equipo, como un grupo de amigos coa intención de ocupar un pouco ese tempo libre que sempre queda ó saír das ocupacións laborais.
Desde ese ano o equipo foi sufrindo diversos cambios, tanto no aspecto Directivo como de xogadores. O equipo comezou nas categorías inferiores da Irmandade da Chave (3ª B), para ser no ano 1989 cando se acada o ascenso á 3ª A. Despois de transitar nesta categoría consiguen dar un salto máis no seu historial, ó acadar o ascenso á 2ª división no ano 1991. No 2000 toparon un baixo no camiño que os fixo descender á 3ª, baixo que durou pouco, xa que no 2001, despois dun ano a un bo nivel conseguiron de novo o ascenso, e mais o 1º posto no Torneo das festas de Arteixo, entre tódolas peñas do concello. No 2002 chegaron á 1ª división que tanto tiñan anhelado; hoxe, sen embargo, están na 2ª, pero coa mesma ilusión do primeiro día por ascender de categoría.
Destes anos teñen lembranzas moi boas, entre as mellores os partidos contra os veciños e amigos de Nostián, pero sempre en boa harmonía e irmandade.
O seu campo está en Montillos, a escasos 500 metros de Borroa de Arriba, e o seu centro de reunión é na Parrillada 'A Balsa'.
Hoxe está formado por: Soto, Chilo, Cancelo, Jaime, Moreira, Antonio, Alejandro, Luis, Manolo, Tuñón, e outros máis.
Nunha visión retrospectiva non podemos deixar de lembrar os que deixaron este mundo (Camilo, Manolo, Rufino,...), ou os que deixaron o equipo por unha ou outra razón.
Aquí tedes tres fotos históricas do Borroa:










<< Anterior | Entrada | Seguinte >>
borroa@latinmail.com