¿Onde é Borroa?


Moi ben, xa sabemos QUÉ é Borroa, pero falta saber ONDE.
Home, non é difícil decatarse de que é en Galicia, pero ¿máis concretamente...? Máis concretamente na comarca da Coruña, no concello de Arteixo, na parroquia de Sta. Mª de Pastoriza. Por se non vos quedou claro mirade o mapa que segue:

Localización de Borroa no mundo


Ou para máis detalle premede aquí.

De todas formas vamos a pararnos un pouco máis na súa situación.
Borroa está situada na aba do Monticaño e do monte de Pedrada, ó pé dos cales se extende o val de Bens (na súa maior parte ocupado por unha refinería.)

Esta proximidade ós montes pode estar relacionada co seu nome; vexamos algunhas pistas sobre a posible orixe do seu nome:
» algúns diccionarios galegos din que "borroa" é o "monte no que se fai a roza", palabra que provén do latín BORRA.
» Pode ter relación coa raíz prelatina bur-r, que significa monte ou rocha;
» o latín BERROCA significa "gran" ou "promontorio"; existe entre Meicende e Borroa un monte chamado Pedra da Berroga ou da Borroga.
» ou simplemente de barroa (=que tén moito barro, barrona, barrenta).

No bico de Monticaño atópase o que foi un vello cuartel militar hoxe convertido en parque, e o antigo emprazamento dos seus canóns, que protexían a costa coruñesa, son facilmente observables dende Borroa. Tamén no Monticaño podemos atopar un antigo castro e o chamado Berce da Virxe, imaxe pétrea da Virxe de obrigada visita para os que peregrinan ó santuario de Pastoriza.
En Pedrada, é mester falar da pedra na que, segundo a tradición oral, están marcadas as pegadas de Deus.
Ditos montes nutren de auga ás fontes do Lugar, as cales, especialmente a de Borroa de Arriba, teñen bastante sona nos pobos de arredor.

Próximas ás casas hai numerosas leiras; os seus nomes aluden nunhas ocasións á súa simple condición de terra de labranza (Agrelos, O Tarreo,...), o producto ó que está(ba)n adicados (A Viña, Liñares,...), ó seu antigo dono (Fernández,...), e ás veces teñen nomes un tanto misteriosos (A Cova do Ouro, A Cruz,...).

A aldea está rodeada polos pobos de Nostián (ó norte), Pastoriza (ó sur, co Val de Pastoriza no medio), Meicende (ó leste, coa refinería no medio), e Suevos (ó oeste, ó outro lado de Monticaño).
Para ver a distribución dos rueiros do Lugar podedes ver o Guieiro de Borroa.


Borroa de Arriba

Borroa de Abaixo e Nostián



<< Anterior | Entrada | Seguinte >>
borroa@latinmail.com